Cristina Collazo
Actriz, escritora, directora e titirimestra
O meu traballo xira entorno ao rural, a literatura popular, as crianzas e a muller.
Nacín en Santiago de Compostela no 1986 e medrei no berce dunha aldea chea de fábulas, contos e cantigas. Dos beizos das avoas saíu a maxia da literatura popular que fixeron pouso na miña formación e entendemento da arte dramática.
Así mesmo, cursei maxisterio e literatura en Madrid. Nestes anos comezaron as investigacións sobre o teatro cervantino e a literatura popular, así coma a miña carreira profesional como actriz. Cursei dirección na ESAD, e tamén me formo noutros ámbitos interpretativos, como a impro, clown danza e música.
No 2012 viaxei a Brasil para realizar unha xira coa compañía Arte Livre onde se afianzaron as miñas inquedanzas sobre o teatro infantil e a dramatización dos contos. Tras un ano de enchouparme na cultura e arte deste país, regresei á Bandeira para poñer en práctica estas aprendizaxes, así coma crear “laboratorios”.
Participei no 2014 nun programa de humor da TVG: Os Aspirantes, así como diversas colaboracións no Luar. Aí comezou a miña andaina televisiva con outros traballos audiovisuais na TVG, coma en Dalia, a modista no papel de Valentina, ou Pazo de Familia, no pasado de Suevia.
Tamén traballei con CTV en O sabor das margaridas ou en RAPA (T.1 e T.2) no papel de Ángela de Portocabo para Movistar +. Así coma numerosos proxectos publicitarios e curtametraxes.
No 2013 formei A Cova das Letras, compañía teatral que ten por obxecto fomentar o teatro no medio rural. Nace así, Medias Verdes Teatro, un grupo amateur de A Bandeira, que coordino, xunto cos grupos infantís de teatro espallados pola comarca do Deza. Son mestra de Música e Movemento na Escola Municipal de Música de A Bandeira. Coordino tamén outros proxectos de índole social coma “Sair por un intre”, no Centro Penitenciario de Monterroso e “Teatro en feminino”.
A Cova das Letras foi medrando e leva a escena ás súas montaxes, sempre baixo unha perspectiva de defensa da muller traballadora rural e dando prioridade a cultura e lingua galega.