Obradoiros
Dada a miña formación en maxisterio, literatura e teatro, quixen unir estas disciplinas e naceron os obradoiros que imparto dende hai case 20 anos. Auténticos laboratorios de creación e investigaciòn nos que a aprendizaxe é mutua e continua.
Este obradoiro nace na necesidade de abordar a temática da educación en igualdade centrándonos tanto na perspectiva de xénero, na visibilización e sensibilización da muller como creadora, como na análise de conflitos de desigualdade que poida habe na comunidade educativa ou fóra dela.
O teatro reproduce a vida, fainos ver dende outra perspectiva o que somos, como actuamos, é o noso reflexo. A partires de exercicios dramáticos, de desinhibición, de creación e reflexión, mergullarémonos no noso corpo e nas
nosas palabras para darnos voz propia.
O obradoiro xira en torno ao tratamento da muller como eixe central, mais de xeito transversal xorden diversas realidades igualmente necesarias de análise e reflexión (LGTBI+).
Trátase dun espazo libre de estereotipos, para crear unha identidade propia, reforzando a autoestima e creando un espazo seguro no que as crianzas se sintan libres de expresarse nos termos que desexen.
Este obradoiro está centrado no traballo da radio como medio de comunicación e expresión. Centrarémonos en exercicios prácticos que fomenten a boa dicción e creatividade a hora de desenvolver un texto dramático na radio. Procuraremos recursos mediante o espazo sonoro que nos permitan crear unha ficción sonora e traballaremos para descubrir o xeito máis adecuado de expresar as nosas ideas.
A arte dramática serve ás crianzas de tal xeito que serán elas mesmas quen adapten o teatro ás súas necesidades creando o seu propio método. Trátase de facer un “laboratorio”, un experimento individual e colectivo que potenciará as súas facultades físicas, intelectuais e creativas. Poderanse experimentar libremente as posibilidades corporais e educación sensorial (Grotowsky), estimulando a creatividade mediante xogos dramáticos e improvisacións (Stanivslasky e Eugenio Barba), tanto individual como colectivamente. Fomentaráse a lectura, dicción e a escrita creativa, será outro dos obxectivos; a través do coñecemento das dramaturgas máis relevantes da literatura galega e mundial. Este proxecto nace na comarca do Deza no ano 2013 e medra no mundo rural en contacto coa natureza fomentando a creatividade e capacidade analítica mediante a observación directa e desprovista da procura do resultado e centrada no proceso.
Ferramentas teatrais para aplicar na aula. Exercicios prácticos que poidan ser aplicado na realidade escolar.
Neste obradoiro trabállase a estimulación sensorial a través da música e do teatro. Foméntase a expresión corporal cos primeiros estímulos emocionais que veñen dados polos nosos sentidos: que nos provoca o que escoitamos, ulimos, tocamos… sentimos.