Teatro con banda
A gata con zocos
Trátase dunha comedia musical na que se revisa o conto tradicional O gato con botas. Recuperando a figura orixinal da gata, o Herdeiro recibe do seu finado pai un circo en bancarrota. As artistas e músicas do mesmo abandónano e Don Casio reclama as súas débedas. Mais a minina, máxica por calzaren uns zocos, converterá ó herdeiro no Marqués de Carabás… e así, enfeitizados, as músicas e artistas regresan e a débeda será anulada! MIAU
A familia Brañas
“EMPRENDER UNHA ViAXE NA PROCURA DUN FUTURO MELLOR” Con esta premisa FRANKI e LOBIS deciden partir de Lamas e atravesar o perigoso estreito de AUGAS FÉTIDAS. Mais no medio do camiño atópanse coa SANTA COMPAÑA, unha banda de músicas errantes dirixidas e encabezadas pola temible e cruel MORTE, á que se unen pensando que tamén van na procura da boa vida, e… vaia se van!
MORTE coa axuda das MOIRAS, intenta sacar tallada da confusión dos dous vivos para facelos “pasar a mellor vida”. Porén, a pobre MORTE síntese solitaria e abandonada, ninguén a chama para saír cear, ninguén a convida a saír… FRANKI e LOBIS intentarán levantarlle o ánimo e convencela de que vaia con elas.
Serán quen de conseguilo?
Sairase MORTE coa súa?
Frida
Un día Frida, unha adolescente “aburrida da vida”, descobre unha marabillosa carta que a súa avoa Henriqueta lle escribira a FRIDA KALHO. Nela dáballe as grazas por mostrarlle que a arte é un talismán que o cura todo. A partir de entón, comeza un proceso de transformación que revolucionará a vida da cativa e todo o que está ao seu arredor.
A maxia da arte fará que a creatividade de Frida se dispare, fará que pinte cadros, que cante, que baile, que vista o espazo coas cores da vida e, que á fin, coñeza aFRIDA KALHO.
Animalia
Animalia é un santuario que acolle e cura animais abandonados ou feridos. A Doutora Pata e o seu axudante Pico traballan arreo para que a súa estancia sexa o máis agradable posible. Para isto cantan e contan fermosas cancións e historias, xogan e rin a cachón! Non dubides en visitar este fabuloso santuario.